Monday 29 de April de 2024

O Concello de Muxía executará melloras infraestruturais no municipio por valor de case medio millón de euros


Todos os traballos están en proceso de execución ou de licitación, aos que hai que engadir as que están incluídas no POS e no plan de Reactivación Económica.
O Concello de Muxía executará melloras infraestruturais no municipio por valor de case medio millón de euros. Todos os traballos están en proceso de execución ou de licitación.
O alcalde, Iago Toba, anunciará esta semana o compendio de obras dentro do Plan de Reactivación Económica do municipio muxián, así como tamén as que se inclúen no POS adicional, do que xa ten a comunicación da Deputación Provincial da Coruña.
Entre os traballos, estamos a falar da obra en Fumiñeo, por valor de 157.000 euros; o saneamento na contorna de Muíños, por valor de 48.039,81 euros; as melloras en Touriñán e Moreira, por valor de 35.226 euros e 47.797 euros respectivamente; unha instalación dun complexo depurador en Trasufre, que custará 132.501 euros e o camiño que une Vilachán con Morquintián, cuxas obras se executarán por un montante de 49.500 euros.
Pero, ademais, esta semana anunciaranse as obras contempladas tanto no Plan de Reactivación Económica como no POS adicional da Deputación Provincial. “A batería de melloras que contemplamos desde o Concello no Plan de Reactivación Económico de Muxía servirán de base para que autónomos e pemes poidan optar á súa execución, supoñendo isto unha reactivación na economía local”, di o alcalde,
Iago Toba.